O espazo ferroviario da Ponteseca, a baranda do Hórreo sobre o Sar de Rosalía, o patrimonio, a paisaxe urbana e os megaproxectos

 Anxo Rabuñal

16/11/2015

pdf

As veces, nas cidades, aparecen necesidades sobrevindas, repentinamente imperiosas, irrenunciábeis e de realización inmediata, que demandan demolicións e transformacións para facer sitio a novos proxectos. Así pasou, en Compostela, co edificio do Castromil para facer un aparcadoiro, co antigo Asilo do Camiño Novo para facer vivendas, coa Casa da Conga para acoller efémeras oficinas, co edificio orixinal do Matadoiro, como puido pasar coa praza e a Casa da Xuventude … e agora preténdese coa demolición da estación do tren co pretexto dunha estación intermodal. O tempo, breve, encárgase de facer ver que esas necesidades axiña quedan obsoletas, eran provisorias, evitábeis, inúteis, innecesarias e costosas, pero xa a destrución foi consumada e só queda laiarse.

O espazo ferroviario da Ponteseca, pois este é o tradicional topónimo do enclave, é un conxunto urbano característico pola súa particular orografía, as varias arquitecturas que o conforman, e tamén pola súa historia e os usos que foi acollendo, pois seu uso como espazo integrado na dinámica cidadá excede o ferroviario.

Aínda así, nas últimas décadas foron sucedéndose intervencións sobre o conxunto que, sen que chegásemos a entender a súa necesidade, foron deturpando e empobrecendo o espazo da estación, pechando vanos, desmesurando a cafetería ata ocupar o vestíbulo, inutilizando estancias, levantando carpas, casetos e galpóns irreflexivamente, invadindo os andéns, abandonando os xardíns, talando árbores, infrautilizando edificios ou destinándoos a intereses alleos, instalando sen xeito farolas e pasamáns nas escadas e facendo o voladizo na beirarrúa do Hórreo, inundando innecesariamente de vehículos a contorna da linda farola …. e sen nunca atender á dignificación e á eficiencia do espazo. A causa principal da degradación foi a falta de criterio e o anonimato co que se realizan algunhas transformacións do espazo público, a falta de aprecio e de sensibilidade de quen decide, a ignorancia e a incomprensión sobre o valor da memoria e da paisaxe histórica nas cidades, e unhas prácticas construtivas desenvoltas de costas ao interés público, que tamén é estético, e por técnicos descomprometidos coa cidade e ao servizo de intereses económicos particulares.

Despois de intervir sen rigor nin aprecio neste espazo da estación do tren durante anos, vandalizándoo e degradándoo ata xustificar a súa desaparición, fálase agora de novo –porque se falara antes e dabamos o tema por esquecido– de destruir definitivamente os edificios e a escalinata para delinear unha nova imaxe homoxénea e banal de Compostela para este século XXI. A coartada para consumar este proxecto iluminado é a chegada do ave, e unha urxente necesidade de unificar as estacións de autobuses e tren, cousa que non parece necesaria na meirande parte das cidades españolas pero que en Compostela é unha necesidade imperiosa, aínda que nada o xustifique e supoña a destrución de edificios en perfecto estado de uso.

Como veremos, tan apremiante coartada que non contempla outras opcións esconde outros fins, como por exemplo a construción de varios edificios privados que perxudicarán notablemente o panorama dos actuales residentes devaluando as súas propiedades; que engadirán novas complicacións á xestión do tráfico na zona, e acabarán por facer inviabel o proxecto da estación intermodal, pois ocuparán e hipotecarán un espazo que debera reservarse para comunicacións e uso público.

Por outra banda, as medidas que se deberan tomar demóranse ou non se contemplan, como por exemplo ligar as estacións cun bus directo, ordenar os espazos de aparcamento, despexar os andéns, racionalizar os equipamentos ou acometer a reforma dos accesos á Pontepedriña.

O proxecto que hoxe se defende parte da imprescindible destrución da escalinata (ver maqueta). Esta monumental escada de pedra remite ao visitante a escada barroca do Obradoiro, como pisco de ollos ao viaxeiro, pero esta cita e o soberbio porte da obra non foron apreciados polo importante arquitecto, que tampouco considera necesario respeitar a orografía e o urbanismo da zona, o belvedere do Hórreo, a baranda sobre as brañas do río Sar de Rosalía.

O edificio da estación e os anexos, características construcións en pedra de estilo Rexionalista e todos actualmente en perfecto estado de uso, tamén deben ser destruídos, pois carecen para este arquitecto e o seu proxecto de valor arquitectónico, cousa que pode ser así nunha lectura fetichista e académica, pero parece descoñecer o valor histórico que para esta modesta cidade de provincias representan os edificios e a paisaxe circundante.

Tamén quere este proxecto destruir a marquesina, peza de museo única no seu xénero en Galicia, aínda que atendendo ás queixas o arquitecto decidiu resgatala e ubicala ‘decorativamente’ no medio das brañas!, sen respeito pola marquesina nin polo espazo natural das brañas, inutilizando e deturpando o uso e o sentido que xustifican a súa existencia.

E porqué tanta destrución? O proxecto ten pontos de partida errados, ao noso modo de ver, pois, independentemente da non necesidade dunha estación ‘intermodal’ para resolver as comunicacións, establece como prioritario que o acceso á estación se realice a nivel dende a rúa do Hórreo, para o cal pretende levantar un xigantesco mamotreto de formigón que, e isto é moi importante, vai cancelar definitivamente a espléndida vista aberta e panorámica dende o Hórreo ao horizonte sur e suleste da cidade, ao Gaiás, os Picaños e as brañas do Sar, sustituíndoa por un posmoderno panorama de cemento armado.

Por outra banda, a ubicación escollida para ese edificio no proxecto de Herreros non é a máis acaída. O emprazamento pensamos que é errado, pois nin se considerou respeitar o conxunto nin estabelecer a presuntamente necesaria nova estación intermodal nos amplos espazos á esquerda ou a dereita da actual estación.

Para unha obra tan costosa, hoxe orzamentada en varias ducias de millóns de euros e que inevitábelmente vai custar máis, plantexan duas novas coartadas, que para algúns son a verdadeira finalidade do proxecto de transformación deste espazo de uso público. Estas son a instalación dun centro comercial no edificio da intermodal, e un hotel e varios edificios de oficinas e vivendas de alto estándin (coa nova coartada de que unha parte delas serán ‘de uso social’), elementos estes hábilmente disimulados nas fantasiosas imaxes do proxecto que se poden consultar na web. Sobre as dúas propostas só hai que ver o estado de abandono no que se atopan as galerías comerciais da cidade e doutras vilas con intervencións semellantes, como Pontevedra e Vilagarcía, ou a máis recente desfeita realizada en Vigo. As vivendas sobre as vías, nunha cidade que perde habitantes e con varios milleiros de vivendas desocupadas, van perxudicar ás moitas xa existentes na Ponteseca, actual comezo da avenida de Lugo, que verán a súa espléndida vista panorámica convertida nun patio de luces, empobrecendo aos propietarios.

A comunicación coa Pontepedriña, outro dos presuntos valores do proxecto, resólvese cunha tópica e alongada pasarela elevada que desemboca inútelmente no medio do vial de Clara Campoamor. Hai tempo que entre os veciños se fala doutras opcións máis sensatas e funcionais, como a de resgatar o solar de Hórreo 87 para abrir senllas prazas e un paso soterrado curto e amplio ata a rúa de Vedra.

Por explicitar outras ideas encol do que non se quixo facer nin se tomou en conta, diremos de bo comezo a de alentar proxectos reconstrutivos e integradores, considerados co entorno e a historia; a dignificación da escada, dos edificios e da contorna da estación, o traslado da cafetería ao edificio anexo e a devolución do espazo ao vestíbulo; retirar o quiosque e outros obstáculos do andén; aproveitar os edificios adxacentes hoxe abandonados ou ocupados para usos espúrios; preservar o interesante antigo almacén de aceite e incorporalo ao proxecto, entender a explanada como un espazo de ocio, descanso e reunión, etc.

A construción do proxecto de Herreros Ass. representa o retorno das políticas desmesuradas, novas pirámides cun gasto fabuloso nun proxecto de longa duración e xestión distanciada da cidadanía, postergando a solución real dos problemas, inducindo á perda da memoria e da paisaxe histórica do territorio, e inscribir a cidade na dinámica internacional de homoxeneización e banalización das paisaxes urbás.

Anxo Rabuñal

pdf

  Para recibir aviso de novos artigos da revista no teu e-mail…
 
Kardo no se hace responsable de las opiniones de sus colaboradores,
aunque sí lo es de los elementos de edición y maquetación elaborados por su redacción.