I. País, Paisaxe,Territorio

Existe un clamor popular ante a omnipresencia de cambios que son vistos como indesexables, innecesarios ou meramente especulativos e interesados, e ante a evidencia de que, case irremediablemente, son para siempre. Convén lembrar que a palabra “paisaxe” vén de “país”, como “aprendizaxe” vén de “aprender” e “pasaxe” vén de “pasar” etc. Nestas palabras derivadas que terminan en axe, o concepto abstracto de “país”, “aprender” ou “pasar”, faise realidade práctica, física. “Pasar” é simplemente a acción de trasladarse dun lado a outro, pero un “pasaxe” é unha realidade práctica, tanxible e visible. “Aprender” é tamén algo abstracto, pero o “aprendizaxe das matemáticas” é moi concreto e real. Do mesmo xeito, “paisaxe” é o país na práctica, feito realidade concreta.

A Paisaxe é unha experiencia sensual completa. Cando paseamos por unha das nosas aldeas vemos os campos, as casas, os bosques, co sentido da vista. O sentido do olfacto capta os cheiros; o oído sente o murmurio do río, os ladridos dos cans, as voces afastadas. O viño caseiro que tomamos no pequeno bar ou a froita roubada tamén nos ligan á aldea, e conservamos o seu gusto no recordo. Na pel notamos a lixeireza e a frescura do aire rural, cando é o momento. E hai aínda máis sentidos en xogo: sentimos a natureza viva e a maxia da sociedade tradicional agraria; sentimos a beleza da igrexa barroca ou da vella fonte de pedra chea de brión. A Paisaxe é, en efecto, o país na súa dimensión real, o país que sentimos cos nosos sentidos corporais e espirituais. Por esa razón, cando a xente di “estamos a esnaquizar o país” á vista dos numerosos atentados á Paisaxe, din ben.

Estes son exemplos propios das áreas rurais, interesantes porque só alí atópanse xuntos todos eses elementos mencionados. A cuestión, é, con todo, moito máis ampla. Ante un destes novos núcleos-dormitorio que rodean as cidades, incluídas as urbanizacións, que ás veces son do todo estraños á nosa Paisaxe, sentimos con frecuencia a mesma inquedanza e a mesma sensación de perda irreparable.

Claro que haberá ocasións en que a destrución dun ou varios elementos da Paisaxe poderá ser vista como algo positivo. Se xa non ouvimos a divina música daqueles carros de vacas teremos que recoñecer que aínda que sexa lamentable para os nosos recordos de infancia, afortunadamente xa non hai carros. Se alguén non está de acordo con iso de “afortunadamente”, que lle pregunte aos paisanos. De modo que a valoración da Paisaxe e das súas alteracións non é algo tan sinxelo, tan libre de compromisos. O principal compromiso é atopar o balance adecuado entre conservar e innovar, entre o tradicional e a modernidade imprescindible. Outro estreitamente relacionado é o compromiso ecolóxico, moi sinxelo cando falamos dunha agricultura ecolóxica  conservacionista e rendible, pero faise tremendamente complexo cando pedimos o imposible  -imposible de momento, polo menos- , pois como se ouve dicir, ¿para que queremos unha praia limpísima se os bañistas teñen as súas mentes podrecidas, corrompidas por unha vida insatisfactoria nesta sociedade enferma? ¿Non sería preferible limpar antes os espíritos da xente, e despois as praias, ou polo menos ao mesmo tempo?

Estas grosas pinceladas tratan soamente de facer ver a dificultade que atopamos para comprender e valorar os cambios presentes, para establecer unha  estratexia na nosa lexítima crítica da actual destrución da Paisaxe e a nosa lóxica resistencia aos intentos dunha ordenación turbo-capitalista do Territorio.Voltar á páxina