II. A toma de decisións

Cuando se quere facer un Plan Especial, ás veces os poderes públicos encárganllo a un Estudo de Urbanismo, dirixido por unha persoa en particular. Aínda que despois haxa variacións, atendendo eventualmente ás alegacións dos afectados, será sempre sobre unha base establecida. A pregunta que agora nos facemos é: ¿por que non se tivo en conta aos afectados desde o primeiro momento? ¿Será porque eles non entenden nada, aínda que coñezan ese Territorio mellor que ninguén? ¿Será porque se desconfía da súa honestidade, da súa capacidade de ir máis aló dos seus intereses persoais inmediatos?

Por outra banda, ¿que sentido ten que as autoridades competentes decreten que o antepecho dunha xanela teña que ter X centímetros? ¿Cal é o obxecto desa restrición? Quizá ningún, pois unha cousa é dispor que unha casa ten que estar ben ventilada e iluminada, e outra como debe ser cada unha das xanelas. É constante a queixa, entre os profesionais, dun excesivo reglamentismo, que con frecuencia, ademais, conduce ao que aparentemente quere evitar.

A cuestión fundamental e máis urxente, e difícil, é quen, como e onde se han de tomar as decisións que afectan o Territorio e ao Urbanismo. Se ben se pensa, carece de sentido que unha soa persoa, un alcalde, ou un partido político cos necesarios votos, poidan determinar o destino das nosas Paisaxes e das nosas aldeas, vilas ou cidades. Hai pouco ouviamos que os dous principais partidos políticos de Galicia estaban a negociar para facer un pacto sobre o Territorio. Un pacto de políticos sobre o Territorio é, en si mesmo, unha aberración. Poucas cousas deben estar tan por encima de ideoloxías e intereses partidistas e/ou persoais como a xestión do Territorio e as actuacións que configuran ou alteran a Paisaxe. Voltar á páxina