¬Ņ¬ęCHAPUZAS GALLEGAS¬Ľ?

Consuelo Castro Rey

 pdf

Hai certo tempo que seica en Galicia nos decatamos de que nos aqueixa un mal que chaman ‚Äúfe√≠smo‚ÄĚ. Aos do piso no centro, aos da urbanizaci√≥n con piscina, aos da casa de dese√Īo, non nos gusta a fasqu√≠a que amosa o noso rural. As casas, os galp√≥ns, os valados, os bebedoiros sem√©llannos feos, antiest√©ticos, de mal gusto. Estragan a paisaxe e f√©rennos a sensibilidade de ‚Äúurbanitas‚ÄĚ cultivados cando algunha fin de semana sa√≠mos de excursi√≥n polo ‚Äúcampo‚ÄĚ.

Non somos quen de entendelo. Por que os nosos paisanos te√Īen tan mal gusto? ‚Äďlai√°monos- Ser√° unha tara, un defecto xen√©tico, un rasgo cultural? Os asturianos e os andaluces non son as√≠ ‚Ķ

O problema desac√≥uganos, d√°moslle voltas e reviravoltas, os expertos matinan na procura de explicaci√≥ns. Mesmo hai un xornal -un que leva o nome de Galicia na cabeceira- que, como contribuci√≥n ao debate, publica unha secci√≥n titulada ¬ęchapuzas gallegas¬Ľ -t√≠tulo abof√© despectivo e irrespetuoso-.

Pero, despois de todo, o chamado ‚Äúfe√≠smo‚ÄĚ segue a√≠, facendo parte da Galicia que temos hoxe. E quizais cumprir√≠a cavilarmos por qu√© a nosa paisaxe natural, cultural e humana √© esta, e non outra.

Falar de ‚Äúchapuzas gallegas‚ÄĚ par√©ceme ofensivo pero, sobre todo, est√ļpido e banal. E tampouco me comprace falar de ‚Äúfe√≠smo‚ÄĚ co seu √≠mpl√≠cito matiz de desprezo, a√≠nda que xa semelle inevitable facelo como a maneira ‚Äďdesafortunada, pero consolidada- de nomear unha certa realidade. [Ata tal punto se ten consagrado o termo que na wikipedia hai unha entrada espec√≠fica para ‚Äúfe√≠smo na arquitectura galega‚ÄĚ].

E te√Īo para min que √© est√ļpido porque amosa, por riba de todo, ignorancia, incomprensi√≥n e incapacidade para interpretar o pasado, para entender o presente e, xa que logo, para proxectar o vieiro polo que queremos cami√Īar cara o futuro.

Como din Cruz P√©rez Linarejos e Ignacio Espa√Īol Ech√°niz no seu l√ļcido traballo ‚ÄúEl paisaje. De la percepci√≥n a la gesti√≥n‚ÄĚ:

‚Äúla visi√≥n esteticista del paisaje, es decir, aquella que se reduce a considerar el est√≠mulo est√©tico del paisaje sin atender a las causas que sostienen las formas del territorio, puede conducir a una interpretaci√≥n superficial de sus valores, enmascarando la verdadera riqueza de la conjunci√≥n de las dimensiones espacial, temporal y est√©tica. Esta visi√≥n puede desvirtuar la verdadera realidad del territorio, condicionando peligrosamente los procesos de divulgaci√≥n, concienciaci√≥n y asunci√≥n de sus valores (‚Ķ)‚ÄĚ.

Así pois, o que a nosa terra precisa é un acto de comprensión e non un acto de contemplación superficial.

A relaci√≥n entre territorio e sociedade √© incuestionable. Xa que logo, unha ollada reflexiva sobre a paisaxe galega √© un cami√Īo axeitado para desentranarmos as claves da nosa realidade e matinarmos sobre ela. A paisaxe -no m√°is amplo sentido- √© un libro que fala de n√≥s, que conta a nosa historia; un espello que reflicte a imaxe debuxada polos procesos pol√≠ticos, econ√≥micos, sociais e culturais que se desenvolveron no pasado e que se est√°n a desenvolver no presente.

A Galicia de hoxe non se pode entender sen o ‚Äúfe√≠smo‚ÄĚ. Sen pretender afondar en cuesti√≥ns que non son sinxelas e que exceden do marco desta pequena reflexi√≥n, c√≥mpre entender que en Galicia hai ‚Äúfe√≠smo‚ÄĚ -entre outras causas, das que certamente non se lles pode botar a culpa aos nosos ‚Äúchapuceros‚ÄĚ paisanos- porque a ignorancia √© fea, a miseria da casa dos vellos √© fea; a emigraci√≥n, o abandono, a perda das referencias e a desestruturaci√≥n de familias e comunidades son feas; e feos son tam√©n o caciquismo, a usura e a inxustiza que durante s√©culos touparon calquera anceio de desenvolvemento e prosperidade no noso agro. As√≠ pois, non val botarlle a culpa aos outros. O fe√≠smo √© responsabilidade de todos n√≥s, dos labregos, dos que somos fillos e netos deles, e tam√©n ‚Äďfaltar√≠a m√°is- das elites sociais, econ√≥micas, pol√≠ticas e culturais coa s√ļa imprescindible contribuci√≥n a este pa√≠s.

Mais non hai que se laiar m√°is da conta. Galicia tam√©n √© moi fermosa, e non s√≥ porque goce dunha engaiolante paisaxe natural, sen√≥n tam√©n porque a terra reflicte a beleza dun pobo que √© creativo, tolerante, valente e traballador. Para ter unha idea m√°is xusta de n√≥s mesmos, non deberiamos esquecer que esas construci√≥ns que vemos tan ‚Äúfeas‚ÄĚ te√Īen tam√©n a fermosura dos so√Īos tecidos en longas xeiras de traballo e do xeneroso sacrificio dos que √° penas viv√≠an co imprescindible para lles poder mandar os cartos aos que quedaran aqu√≠.

Miremos o ‚Äúfe√≠smo‚ÄĚ sen nos avergo√Īar, procuremos velo tam√©n cos ollos dos nosos labregos, escoitemos as historias que nos conta, reflexionemos, e decidamos despois cara onde queremos cami√Īar e como temos que facelo.

descargar pdf

Para recibir aviso de novos artigos da revista no teu e-mail…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Website