Sobre o valor do espazo público

Celia López-Santos

pdf

“¡Barrios en acción! ¡El vecindario está en la plaza!”. Así soaba a proclama dos veciños de Lavapiés, proclama que viña acompañada doutro motivo claro e directo: “Porque juntos somos barrio, pero nunca nos juntamos”. Comecemos por darlles a razón.

É certo que juntos somos barrio, así como rúa, e praza, e urbe; porque a chamada cidade non se sostén nunha realidade, senón nunha pretensión, nun permanente xogarse, nun pensarse, nun dicirse a si mesma e nun refundarse, virtual e perpetuo. Nesta danza co noso entorno humano -físico e urbano-, aprendemos sobre e a través da comunidade. Mais a comunidade precisa dunha trama na que poder expresarse como o que é: pura pretensión. Esta trama é o “o espazo público”, o punto no que conflúe o “eu” e o “outro” nunha sorte de rituais sociais preservados pola identidade co grupo ou co “todo”. Tendemos a construír un ente cultural máis ou menos homoxéneo, fronte ao desconcerto que nos provoca aquilo que existe máis alá do coñecido e que devén ameaza.

Agora ben, tamén é certo que nunca nos juntamos. Que o ser humano tendeao social é algo tan sinxelo de comprobar como a nosa necesidade de respirar. Ambas son condicións inherentes mais, mentres que ninguén nos alerta da segunda, sentimos que cabe amosar que houbo un día no que o espazo público eramos nós, e nós eramos espazo público. Mais ese ser no espazo público implica estar no espazo público, isto é, atoparse nel, permanecer nel, vivir e facer cousas nel, e hoxe na maior parte dos casos o espazo público está a ser relegado ao mero tránsito.

***

Pero, claro, como imos vivir o espazo público? Quen no seu xuízo se quere arriscar a ser o branco dun roubo, dun secuestro, dunha violación, dun asasinato, dun ataque terrorista ou doutras desas desgracias das que falan día a día os nosos queridos e mal chamados medios de comunicación? A comunidade implica a presenza física do “eu” e, taxativamente, do “outro”. Pero, agora, segundo os medios, ese “outro” é o ente que nos invade e do que cabe desconfiar; e, aínda que na teoría é tamén parte da comunidade ou do grupo, non podemos achegarnos a el sen temor e desconfianza. O resultado é paradoxal. Posto que seguimos a ser animais sociais, buscamos ao “outro”, pero como temos medo, fuximos do “outro”. Cal é a saída que a nosa sociedade nos dá? A única saída posíbel implica atopar un acubillo comunitario restrinxido e –imaxinariamente- inexpugnábel. Cal é? É dicir, cara onde estamos a fuxir? A resposta témola á vista: o espazo público é devorado pola ilusión de seguridade que crea o ámbito privado, tanto nas redes dixitais coma nas nosas cidades.

***

Entramos na cidade dentro da cidade: Marineda City, en A Coruña. Non se nos restrinxe o paso, mais determinados elementos como a presenza de gardas de seguridade ou o circuíto de videovixilancia estannos a alertar da importancia de manter un comportamento socialmente aceptábel, baixo risco de exclusión. A exclusión propiamente dita non é unha característica inherente ao lugar privado enmascarado de público; o risco de expulsión, pola contra, si.

O control exercido neste tipo de espazos é selectivo, e isto ten unha implicación de grande calado: non se ven “malas pintas” en Marineda City. Os grupos que a eles acceden buscan desesperadamente a uniformización nun “todo” axustado a pautas estatísticas e socio-demográficas, e esta uniformización esténdese pola antes chamada “grande cidade”.

Por exemplo, unha urbanización residencial acubilla unha comunidade cuxos patróns se moven en relación a un poder adquisitivo similar, un modelo de vida comparábel e un estándar de prioridades paralelas. Todo isto garante un modelocomunitario proporcional ao que se pretende. Aquí é onde realmente reside a “ilusoria” seguridade que se nos oferta. Framing places: xa non sentimos a necesidade de relacionarnos con ese “outro” descoñecido e perigoso que, até o momento, conformaba a comunidade no seu conxunto.

Con todo isto estamos a observar a creación dunha nova identidade relacional nuns espazos privados que por erros de percepción se entenden como públicos. Eses centros comerciais e urbanizacións perfectas, son os novos foros do século XXI. De momento, non posúen unha identidade histórica, mais si social e funcional. Pola contra, os vellos espazos públicos soportan a identidade histórica. Mais, sen unha función real e social adaptada ás actividades e os costumes do noso tempo, canto tempo tardarán en desaparecer? Canto tempo lle queda ao autenticamente público? Somos unha sociedade construíndo e creando espazos privados que se presentan como espellismos do público e, mentres, baleiramos o verdadeiramente público cando deixamos de usalo.

Hoxe a sociedade divídese en ínfimas colectividades, demasiado preocupadas por sentirse seguras no idéntico. Ás nosas costas o axente privado canibaliza o espazo público, engule a identidade comunitaria e devora o que nun tempo fomos. Ao fin e ao cabo, por qué debemos molestarnos en preservar o espazo público, se o relegamos á distribución de fluxos? Esquecémonos do nós como posibilidade de identidade, mudamos o de todos pola fracción e o interese privado, abandonámonos como comunidade e, un día, mentres transitamos polos restos dun espazo público como a Porta do Sol, descubrimos que a nosa estación de metro se chama “Sol Vodafone” e que a súa ocupación por movementos sociais como o 15M, ao fin, implicou “privatizar o espazo público”. Curiosamente, vender barato o que pagamos todos, é posíbel –pura manobra mercantil-. Mentres, a estadía de persoas e cidadáns no espazo público é ilegal e inadmisíbel…

descargar pdf

Fotografía: Carmen Docampo Bello

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Website